Criaturas Míticas e Castros
Mouras, Mouros e Ananos
Mouros, Mouras e Ananos. En términos xerais, defínense en Galicia como mouros aos habitadores míticos dos castros galaicos ou das mámoas e as mouras son fermosas donas loiras posuidas dun encanto que adoitan facer acto de presenza pola noite arredor de penedas senlleiras, dalgunhas fontes ou de paraxes que amosan con máis frecuencia, unha relación coa existencia de restos arqueolóxicos. Foron varias ao longo dos anos, as interpretacións que se lle quixeron procurar a estes seres, identificando o nome de mouros e mouras co de seres extraños, diferentes ou antigos, devanceiros de tempos xa moi lonxanos. Porén, desde o noso punto de vista, cremos que este nomeamento xeral de mouros vén definido polo propio significado da palabra que se pode transcribir como os escuros. E son escuros porque lles molesta a luz diurna e só se mostran de noite, porque habitan na escuridade que reina debaixo da terra onde viven e traballan en diversos oficios, semellantes aos nosos e explotando as riquezas minerais, basicamente ouro. Xa hai moitos anos, unha señora de moita idade que vivía soa nun extremo da súa aldea montesía e perto dunhas mámoas e dun castro, confesounos, non sen certas reticencias, que os tiña sentido moitas veces andar de noite e incluso comprobar como traballaban baixo a terra durante o día, aplicando a orella a unha peneda próxima que transmitía o son dos teares que utilizaban nos labores. A espelida anciá, que levaba moitos anos vivindo soa na súa retirada casiña, tamén nos explicou que as mámoas das proximidades eran as antigas vi-vendas dos que viviran alí e que estaban así, derruidas, desde a época do Dilu-vio. Coidamos nun principio que estes argumentos explicativos daqueles restos e a asunción dos mesmos con visos de realidade non eran máis que un xeito de vencer o medo, xa non só pola situación isolada da súa morada senón pola propia difusión das lendas en cuestión das que era coñecedora. Non só nos confirmou que a ela nunca lle fixeran mal senón que ao abordar a cuestión dos que vivían no castro, os mouros e as mouras, aseverounos que moraban nun mundo ao revés do noso e que o que hoxe percibiamos das casas do recinto eran os cimentos das mesmas, pois estaban feitas ao contrario que as nosas da superficie. Sobre as loiras mouras entendía que non todas eran así e só algunhas, as que disfrutaban das riquezas e o ouro, podían acceder á superficie en datas determinadas grazas aos "encantos" que posuían que lles permitían abrir e pechar penedas e tamén converterse en serpes, forma animal que lles facilitaba o subir e baixar dun mundo ao outro polos buracos. Sobre os ananos hai diversas apreciacións e hai quen os asimila aos trasnos polas diañuras que fan, aínda que tamén contan con poderes que exercen soprando ou aollando á vítima para facerlles mal. Tamén se di que teñen o poder de se transformar en determinados animais ou aves agoreiras que preanuncian a morte. Porén, hai outros ananos que habitan nos castros e están encargados de traballar nas ricas minas que posúen os mouros. Estas minas e túneles comunican diversos lugares dunha zona e están entibadas con esteos de ouro, aínda que estas trabes tamén poden ser de alcatrán ou de xofre.
Os mouros de Castro Liboreiro. No alto do Monte Liboreiro residían nun tempo pasado os mouros, antigos poboadores deste lugar que eran moi belicosos e sempre andaban en liortas entre eles. Dise que estes facían labores de minaría no monte e que aínda existen duas covas, unha que agacha o tesouro e outra unha mina de veneno pola que hai que cruzar antes pero ninguén foi aínda capaz de dar con elas. Porén, outros sosteñen que son tres as covas, a de ouro a de prata e unha de lava que se se abre por erro, estoupa o volcán que hai no monte soltando moito xofre. Dise que unha forma de atopar as riquezas é mediante o conxuro Liboreiro, liboreu, todo canto ouro agachas é meu, mais ata agora ninguén deu con el. O monte Castelo de Darbo. Contan que neste monte vivían os mouros e que cando se atopaban en perigo ou precisaban entrar ou sair discretamente do mesmo, facíano a través dun túnel que comunicaba coas Fumas na beiramar. Como proba disto fálase do achado aquí de dous colares de pérolas e de obxectos de ouro. Desde o Castelo tamén se di que partía outro túnel que comunicaba co monte da Paralaia.
Castro de Herbello. Había aquí unha construción feita polos mouros onde habitaban e tiñan un túnel que comunicaba co mar na praia da Cova (Areacova) en Aldán. Castro do Facho. Nel vivían os mouros que fuxiran da vila da Coruxana cando esta foi asolagada e enterrada como castigo. Pero anos despois, os mouros que vivían no Facho decidiron baixar a vivir para o que hoxe é Donón pois reunía mellores condicións de habitabilidade. Castros de Coiro. Os mouros tiñan habitado en lugares como Outeiro, Pedralán, O Mato, Castrillón... e deixaron numerosas covas polo monte. O Castrolín. Disque no Hio, alá no monte do Castrolín de Vilanova viviron os mouros e as pegadas dos seus cabalos aínda permanecen gravadas nas rochas. Certo día, foron por alí uns homes e miraron unha galiña con pitos que piaban moito. Un dos homes dixo: -Pobriños, pobriños! Que fame teñen! E ao dicilo, os pitiños convertéronse en ouro.
A Casa da moura. Cóntase que era un home pobre que saiu un día de mañá cedo para achegarse á feira do día doce e ao pasar perto da Casa da Moura saíulle un mouro e preguntoulle: -E logo para onde vai? -Voulle para a feira a mercar uns porquiños. -E ten moito diñeiro para os mercar? -Ai, señor, eu cartiños téñolle pouquiños. -Ben, pois vas á feira e mercas dous porcos dos mellores que haxa e esperádesme alí ti e máis quen chos venda que logo vou eu e págollos. E segundo dixera, así aconteceu e o mouro quedouse cun porco e o home con outro. Entón o mouro díxolle ao home: -Mira, todas as mañás cedo hasme traer aquí medio neto de leite pero ti non chames por ninguén. Déixamo neste sitio sinalado que xa terás nel un peso todos os días. E así vas facer sempre. E ten moito tino de non dicirlle nada a ninguén, que estas cousas non se poden contar. E así por moito tempo, o home estivo levando o leite e collendo os cartos. Mais, pasado un tempiño, a súa muller comezou a preguntarlle con insistencia:
-De onde che veñen os cartos? Por que antes non tiñamos case ningún diñeiro e agora temos moito? Ti tes que ter unha amiga que chos dá. E o home contestáballe: -Non muller, non. Ti come e bebe e a min déixame, que eu non teño amiga ningunha. E ela volvía a porfiar: -Pois ti tesmo que dicir, que dalgún lado che veñen. E tanto porfiou ela que o seu home rematou por llo dicir. E chegou o outro día pola mañá, e o home foi co leite, mais ao acudir ao sitio sinalado, en vez dos cartos atopou un como cun letreiro que dicía: -Falaches, comeaches... A Moura da Laxe. Aínda que se teñen visto en moitos lugares, unha das máis recoñecidas por distintas persoas é a que adoitaba aparecer na Laxe do Monte da Pena durante as noites, alisando cun peite de ouro a súa longa cabeleira loira e levando por veces brincos ou colares do mesmo material. Como sabemos, a utilización destes abalorios e utensilios deu pé a estender e confirmar que estes seres do inframundo eran posuidores de inmensas riquezas que extraían do fondo da terra onde vivían. A Moura da Pedra da Pena. Nesta pedra, adoitaba aparecérselle unha fermosa rapaza loira aos que se atrevían a pasar por alí de noite. A todos lles dicía que estaba presa dun encanto que a convertía en serpe durante o día e que estando nesa forma se alguén lle daba un bico liberaríase do mesmo e faría rico a quen se atrevese a facelo. Algúns tentaron probar pero ao ver o seu aspecto, acababan por desistir de bicala ata que chegou un mozo que tivo a ousadia de facelo desfacendo o encanto. Logo casaría coa moza e xuntos desfrutaron das riquezas que esta gardaba. A moura do Castelo. Outra destas mouras tamén foi vista nas abas do monte Castelo peiteándose cun peite dourado, sentada sobre un penedo e os que a viron comentaban que vivía nun pazo subterráneo que había por alí e que adoitaba deixarse ver nas noites de lua clara, permanecendo no lugar ata o inicio da luzada do día coa que desaparecía. A Moura do Liboreiro. As consellas populares din que non é bo subir de noite pois nas rochas do alto do monte adoita aparecerse nos días de lua chea, unha fermosa moura peiteando o seu longo e liso cabelo louro cun peite de prata. Mais, dise que cando alguén se achegou alí para ollar a súa fermosura, esta esvaécese no momento. A moura da Pedra do muíño. Un dos moitos encantas que se produciran no Monte da Pena foi o encontro que tivo un home cunha fermosa e loira muller cando retomaba á noitiña para a súa casa despois de traballar. O home observou que aquela estaba comendo na pedra e ao preguntarlle por que o facía, a belida dama explicoulle que aquilo era fruto dun encantamento. Díxolle, ademais, que só podería liberarse do mesmo se alguén a axudaba e que de ser así había recibir importantes tesouros e riquezas. O home pensouno ben antes de se ofrecer pero logo lle preguntou que tiña que facer. Entón a muller díxolle que ela botaríase a rolar monte abaixo en forma dunha pedra de muiño e que el tería que parala para poder desfacer o encanto. O home volveu a pensalo de novo e díxolle que non había inconveniente, que non lle importaba nada o que tiña que facer. Co acordo pactado, a fermosa muller citouno para o día seguinte e ao chegar perto do lugar, mirou a pedra de muiño que viña rolando a toda velocidade contra del. Visto isto, o home non se atreveu a parala e apenas tivo tempo de botarse cara a un lado, esquivándoa.
Ao pasar a roda da pedra do muíño ao seu carón observou que a pedra non era tal senón a loira e fermosa muller, que ao seguir rolando monte abaixo, emitía berros ao ir rozando coa vexetación e os coios, laios e xeruídos. Nun momento, a pedra foi petar nunha rocha e desapareceu subitamente, esvaecéndose no ar. Desde aquel intre nunca se soubo máis daquela dama, nin quen era, pero o peor de todo foi que aquel home ficou sen o tesouro por non ter cumprido co pactado. Os ananos da Serra. Tanto no Liboreiro como na Serra da Magdalena dicíase que habitaban uns ananos, homes e mulleres, que comían á xente e que facían moito mal. Uns vivían en covas e outros facían as súas propias casas pero estas eran tan pequenas que nelas só cabían duas ou tres persoas e apenas as usaban para durmir. Nun penedo tiñan a lareira onde facían a comida e xantaban todos ao redor dela, ademais de tomar alí o sol cando o había. As pegadas do cabalo de Santiago. Cóntase que os mouros que habitaban no Liboreiro foron vistos cando tentaban "tomar posesión" da igrexa do Valado e chamaron ao Apóstolo Santiago que chegou ao Liboreiro xunto cun tenente que xa tivera participado en antigas guerras contra eles. Cada un deles traía un loro e ao chegaren ao monte puxéronse a falar milagrosamente os paxaros. O loro de Santiago falou: "Ven, ven, que por aquí vas ben", mentres o do tenente respondeu "vai, vai, que por aquí non vin". Tamén se di que o Apóstolo Santiago, montado no seu cabalo branco, derrotou aos mouros (mouros) expulsándoos do Liboreiro a través do Cabo Udra. Aínda hoxe son visibles as trincheiras que utilizaron os mouros para se defenderen e que antes estaban cubertas de pedras pero que logo foron aproveitadas para construír os muros que separan os eidos. Deste enfrontamento quedaron as pegadas do cabalo e do mesmo Apóstolo gravadas na pedra da Pirolla e que tres dos mouros, expulsados do seu territorio deixaron un escrito e gravaron os seus tres nomes nunha pedra como testemuña da súa propiedade do lugar. Sábese que os mouros tiñan unha boa razón para volver, pois entre os restos que deixaron no Liboreiro asegúrase que quedou unha gran riqueza en ouro, oculta nunha mina. Na zona do Liboreiro tamén se di que hai unha rocha sinalada cunha aspa e que se se pón a orella nela séntese o ruído da auga dun rio soterrado que vai dar ao Facho de Donón, segundo uns, ou ao mar, segundo outros. Tamén no monte, existen uns buracos e covas das que se fala que levan a unha praia de Aldán uns e outros á cova da Landra, na Banda do Río de Bueu. O Apóstolo Santiago andivo batallando moito por estas terras e as pegadas do seu cabalo ficaron marcadas en rochas da Curuxana, na Lapa dos Santos, no monte Abelleira, no Castrolín, no Facho, no Outeiro do Mouro...
Outras Lendas e Misterios
A Pedra sanatoria. Despois da invasión dos turcos, un mozo duns doce anos, orfo de pai e coa súa nai enferma, subiu ao monte Castelo na procura dunhas herbas para facer un bebedizo para tentar de sanala. Cando ía na metade do monte atopou unha pedra que lle pareceu de ouro pero non fixo caso do achado ata que de repente escoitou unha voz que o chamaba. Mirou entón cara atrás e ao achegarse viu que aquela pedra tiña unha cara. Moi asustado faloulle: -Farei o que me pidas pero non me fagas dano. E a pedra contestoulle: -Non che farei nada. Só colle un pouco de min e cómpralle un medicamento á tua nai pois as herbas nada lle van facer. O rapaz fixo o que lle ordenou a pedra e ao pouco a súa nai púxose ben, contándolle a todos o que ocorrera e desde aquela chamáronlle a Pedra sanatoria. Din que esta pedra aínda existe pero a día de hoxe xa non se sabe onde está situada pois de tanto rañar na súa superficie, semella que quedou moi pouco dela e ademais está xa cuberta pola terra. A Fonte do Salgueirón. Contan os mais vellos que no monte do Salgueirón, debaixo dunha enorme laxe, manaba unha auga moi milagreira que lle sanaba todo tipo de enfermidades a quen a bebía. Mais, dise que en certa ocasión unha muller foi lavar alí os cueiros dun meniño e desde ese día a auga do manancial do Salgueirón perdeu as súas propiedades sanatorias.
A fonte de Pinténs. Cóntase que, nunha fonte con lavadoiro que había no camiño de Pinténs a Donón, adoitaba aparecerse nas noites de lua clara unha figura fantasmagórica que por veces agrandaba e por veces minguaba. Isto, claro, facía que todo aquel que pasase perto do lugar se afastase do mesmo dando un rodeo pois dicíase que podía ser unha Lavandeira, un vello espíritu que adoitaba achegarse a lavar roupa manchada de sangue pois morrera dun mal parto e que quen entablase conversa con ela exporíase a moitas desgrazas. Durante moitos anos, todos os que utilizaban este camiño, chamado dos Namorados, pasaban temerosos de largo, sen dicir nin pío, ata que unha vez ' un mozo que adoitaba pasar moitas veces polo sitio pois ía rondar a moza a Pinténs, decidiu, destemidamente, achegarse á fantasmagórica figura do lavadoiro comprobando que non era máis que a escuma procedente do xabón de lavar que subía coa caida do chorro da fonte e baixaba cando a auga se baleiraba polo aliviadoiro. E aquí morreu o conto, ou a lenda, neste caso.
A Caveira. Contan que aínda non hai moitos anos, un home da Pedreira, coñecido como Gilitiño "O Bobo", ía camiñando e ao pasar polo cemiterio mirou unha caliveira no chan e deulle unha patada. Seguiu camiño como se nada pero ao chegar a casa encheuse de medo e preocupación pois topou a mesma caliveira na entrada. A Seitura. Todos os anos, no tempo da seitura, cando os labregos aínda facían a sega, sempre lles chovía e eles abrigábanse nun galpón onde agardaban a que escampase mentres un vello lles lía uns contos dun libro. Estes contos eran sempre os mesmos pero un ano, namentres o vello abría o libro, xurdiu un home alto e loiro cos ollos gazos e díxolle aos labregos que se lían o libro ao revés, el subiría ao ceo e xa non voltaría a chover máis cando chegase o tempo da recolleita. O velliño que lía no libro fixo o que lle dixo e o home loiro foi cara ao ceo e dende entón dise que non volveu chover no tempo da seitura. Nunca se soubo quen era. Era alá cara os comezos dos anos cincuenta cando o propietario dunha taberna no Espíritu Santo acababa de pechala sobre as doce da noite. Tomou camiño da súa casa como adoitaba facer a cotío pero ao chegar onda o Areeiro, chamado antes o Campo dos Aparellos, presentóuselle unha muller descalza cun pano na cabeza. El ía xa na altura das Casas Baratas, cruzou a estrada e meteuse polo Forte, observando que a muller seguira pola estrada xeral.
Cando o home chegou ao Cristo do Señal viu que a muller xa estaba alí. E así seguiron en varios tramos, decatándose o home que por moito que correse nunca podía ir diante dela. Nestes encontros, tentou mirarlle a faciana á muller sen conseguilo ata que por fin chegou á súa casa. Ao chegar contoulle á súa nai o que lle acontecera dándolle unha escasa e cativa descrición da extraña muller. Ela, quizáis para tranquilizalo, respostoulle que podía ser unha avoa do seu avó, a pesar de que xa había moitos anos que morrera... Pero, o certo é que, en verdade, nunca se soubo quen era aquela misteriosa muller.
Animais Míticos
A serpe e o mozo: Os dous amigos. Un rapaz da parroquia ía todos os días coas ovellas ao Pouso das Cruces, un pouco mais arriba do Monte da Pena. Alí cantaba e asubiaba. Unha vez achegóuselle unha serpe e deulle de comer do que levaba. E así sempre cada vez que asubiaba. Logo, o mozo tivo que marchar para a milicia e estivo nela durante catro anos. Cando voltou, acompañado dun amigo, foron de volta cara o si tio, alá no monte e foille contando a historia polo camiño. Chegados alí, asubiou e foi grande a sorpresa cando mirou que voltaba a serpe pero agora máis grande e grosa. O amigo que o acompañaba apartouse un pouco asustado ao ver que a serpe, moi emocionada polo asubío recoñecido, se enroscaba no corpo do seu amigo nunha garimosa aperta. Mais a serpe, agora con maior tamaño, apertou demasiado, de tal xeito que lle ocasionou a morte por asfixia ao mozo. O acompañante, abraiado, fuxiu correndo do lugar ficando na súa cabeza a imaxe dos dous corpos abrazados e o do seu amigo estrullado por tan forte querenza. Logo díxose que a serpe desesperada polo acontecido se tiña botado ao mar onde afogou.
A Serpe. Conta a xente do lugar da Golvada (Augalevada) que no monte, no me dunhas ruinas existía unha cova na que habitaba unha serpe e que toda persoa que pasaba por alí xa non voltaba máis. Un día unha muller pasou por alí para ir a casa da súa irmá e de súpeto, apareceulle a serpe. Como levaba uns nubeiros de fio, ocorréuselle ir llos guindando pouco a pouco á becha. A serpe foi tragando todos eles un a un sen deixar de perseguila ata que xa só lle quedaba un. Xa desesperada, botoulle o último novelo e ao tragar este, a becha reptil acabou por morrer atragantada. A desgraza dun neno. Cóntase que hai bastante tempo nun lugar de Coiro vivía unha família á que pertencían tres irmáns. Un dia decidiron ir xogar ao monte e alonxáronse bastante da súa casa... Nun momento, como estaban xa certamente cansos, foron beber un pouco de auga nunha mina que atoparon alí cerca. O maior dos irmáns tomou un pouco de auga e sen darse de conta tragou un bichiño pequeno. Pasaron unhas semanas e o neno maior atopábase mal e notaba que a súa barriga se hinchaba pouco a pouco. A súa nai levouno ao médico varias veces pero este dicíalle que o neno non tiña nada, pero a barriga seguia aumentando... En vista disto, a nai decidiu levalo a unha meiga que lle dixo que o rapaz tiña unha serpe dentro do seu corpo e que paseniñamente lle iría comendo todo o seu organismo se non daban sacado a becha fóra. Para conseguiren isto, a meiga mandoulle que na seguinte noite de lua chea puxese dous litros de leite nunha almofia ou palangana e que deitase o rapaz cara abaixo coa boca aberta. E así foi, cando chegou o día puxeron o rapaz como lle mandara a meiga e aos poucos minutos a serpe saiulle da boca indo directamente ao leite que estaba no recipiente. Contodo, díxose que o mociño non puido resistilo e aos poucos minutos morreu.
Os cabalos da Pedra da Pena. Cóntase que antigamente na media noite do San Xoan, a xente subía en comitiva ata a Pedra da Pena ou Penedo dos Namorados levando un pano de lamanisco ou de liño branco. O chegaren arriba facían o círculo de Salomón, estendían o pano mesmo ao pé do penedo e sacudían con coidado os fentos machos para que caera a semente. Dise que en tempos lonxanos, os devanceiros dos habitantes do lugar usaban a semente do fento, bebida en infusión, para combateren os feitizos, chegando incluso a se faceren invisibles. Tamén se di que cando se sacudían os fentos sobre o pano, abríase a Pedra da Pena e saía unha grea de cabalos moi ruidosos liderados por un de cor branca que botaba lume polo nariz. Logo pechábase a pedra, deixando polo lugar o forte cheiro dos animais. Os cabalos. Hai moito tempo, antes de que saise o sol, dirixíanse un grupo de mulleres á novena que se celebraba na igrexa de Darbo. Aquela xente debía saír cedo da casa pois o camiño era longo, xa que tiñan que ir desde Balea. Apenas levaban un pouco de camiño andado cando sentiron un ruido moi intenso que creron que se trataba de cabalos a gallope. Apuraron o paso cara a estrada a ver de que se trataba, pero cando chegaron, todo tiña apariencia normal e non vían cabalos por ningures. Seguiron andando, un chisco desconfiadas, ata que toparon un pouco máis abaixo cun home que camiñaba cunha lámpada na man.
Sen poder conter a curiosidade, preguntáronlle se non mirara pasar pola estrada uns cabalos a gallope tendido. O home respondeu extrafiado, negándoo, e as mulleres seguiron andando sen volver a pensar no acontecido. Ao dia seguinte volveron a saír xusto á mesma hora que o dia anterior, mais ao chegaren a unha das casas vecifias, alguén asomou a unha fiestra para pedirlles que avisaran ao cura para que preparase os funerais dunha señora que acababa de morrer. As mulleres non puderon evitar lembrárense de que, o dia anterior a esa hora sentiran, sen ver, o gallope dos cabalos. A Lapa do lobo. Contan que en tempos antigos, perto do monte Varalonga había unha pedra encabalgada noutras, facendo como unha cova na que se dicía que en tempos vivían os mouros. Mais co paso dos anos, posesionouse deste lugar unha manda de lobos, dirixida por un deles que era enorme e que papaba a quen ousase entrar alí. Agora esa lapa xa non existe porque unha empresa de cantería dinamitouna para aproveitar a súa pedra. O Orco. Un home, daquelas xoven e hoxe xa avó, vivía nunha pequena casoupa da Pedreira. Unha vez, cando estaba asomado na ventá, tomando un pouco o aire, viu pasar uns cans moi caladiños, sen ladrar. Entón, este chamou á súa muller para que ollase o que él estaba mirando. En efecto, cando a muller foi mirar os cans, quedou tan abraiada polo que vía como o seu home. Dixeron que os cans eran arrastrados por unha alma doutro mundo que aquel día ía en forma de carneiro. Contodo, aos cans non lles ocorría nada e ao día seguinte cadanseu aparecía na súa casa como sempre. Cóntase que esta figura era o Orco pero que non lle facía nada á xente directamente senón que aventaba a morte. Pero tampouco se sabía a onde levaba aos cans e que facía ou que querería deles... Os rapaces da cova. Contan na Magdalena que hai xa moito tempo, uns rapaces escaparon da casa e foron vivir a unha cova, reparárona e enfeitarona moi ben con flores arredor. Unha noite, cando estaban a durmir, díxolle un ao outro:
-Mira que ollos verdes hai na entrada da cova. -Non fagas caso, -dixo o outro-segue durmindo. O rapaz volveuse a durmir e pola mañá cedo atopou morto ao seu amigo, cheo de coiteladas e cunhas uñas clavadas no peito. Unha presenza maligna intuirase naquel feito, atribuíndollo daquela, á presenza do Orco ou quizáis da Raposa. O Gato da Capela do Hospital. Houbo unha época na que a xente andaba moi temerosa ao pasar perto da Capela do Hospital pois dise que ás doce da noite tanxía a campá soa. Antes desa hora todos os veciños metíanse nas casas pois coidaban que a capela estaba posuida por un meigallo. Un día, un mozo de Coiro que andivera de tabernas e ía un pouco bébedo, esqueceu o lugar e o medo, pasando por alí nesa hora cando tanxía a campá, observando que era un gato quen as facía soar. Iso si, dixo que o gato era moi negro, forma que adoitan tomar as bruxas... O Can enmeigado. Alá, xa vai para moitos anos, subía un home pola rúa de Síngulis e saíulle ao paso un can ladrando, mais como o animal teimase en perseguilo, arreóulle unha patada. Entón, o can desistiu e marchou caiñando cara o Eirado do Costal. Máis tarde, atopou de volta ao can e tiroulle unha pedra que co impacto lle fixo dar unha volta no chan. Seguíu, entón, andando o paisano e cando ía entrar, atópase de novo co can na porta da súa casa. Xa moi encabuxado, colleu unha estaca, disposto a arrearlle. Ao percibirse do perigo, o can fuxiu correndo pero o home, sen saberse moi ben por que, morreu aquela mesma noite. Os Cans. Contaba un home xa entrado en idade que en certa ocasión marchou a traballar a unha leira que estaba lonxe da casa. Cando voltaba sobre as oito do serán, atopou unha cesta e no seu interior había tres pequenos cadeliños aínda cachorros. Colleunos e tróuxoos para a casa. Á mañá seguinte, foi á adega onde os deixara e comprobou que na cesta non había nada pero o máis raro era que el puxera a cesta boca abaixo cunha pedra moi grande enriba que non fuxisen. Ao sair da adega na súa procura, chamoulle a atención unha bandada de corvos (síntoma de morte) que pasaban por alí. Despois disto, tardou dous meses en sanar, días despois caeu enfermo dunha doenza que traía almas arredor, e asegurando que durante o tempo que estivo doente, sentía que o chamaban polo nome e que, ás veces, estas tamén lle turraban polo brazo coma se quixesen levalo. A Raposa do Morrazo. En tempos idos, a sona da raposa do Morrazo chegaría a ultrapasar os límites da comarca. Entre os diferentes relatos de encontros con ela, sobrancea o de Bernardino Rajoy do lugar de Loureiro, quen falou de que un seu compañeiro tiña topado con ela nun ermo perto da Gudiña (Ourense) e máis a información doutro canteiro que dixo que en Mondariz tíñaa mirado un home chamado Primitivo, cando subía por un sendeiro. A Raposa do Morrazo, chamada tamén de Morillas en Padrón, é unha raposa que decote aparece nos camiños ermos e tamén perto das poboacións, emitindo «doloridos ouleos» ao atopar unha persoa. Ao tempo que oulea, sáelle lume pola boca porque a raposa do Morrazo é unha alma en pena que vén ao mundo a penar unhas determinadas culpas. Para remediar os seus males hai acordo entre as xentes de dicir ao mirala: "Deus te leve a porto salvo". Todos teñen a esta ánima, agora lendario animal, como a dun náufrago que unhas veces se detén nun lugar e outras dá a sensación de que voa. En certa ocasión un tal Ramón Somoza Piñeiro, experto cazador de setenta e seis anos, atopábase nunha noite de xaneiro de 1818 nunha lareira dunha casona do Morrazo, en compaña dos domésticos da casa e duns carpinteiros, picapedreiros e braceiros, agradecendo todos o lume de grandes proporcións que ben lles tiraba a friaxe que tiñan chupado todo o día. Cando xa andaban a sentir a benéfica influencia da forte calor que obrigaba á ensanchar o circo que formaban, un valentón botapraf óra fixo alarde das súas forzas botando á fogueira un mangado de leña de carballo. O lume case se apaga completamente, a chama perdeu o seu grande resplandor e todos comezaron a sentir frío nas costas. Por esta acción de inconsciencia, o fachendoso mozo comezou a recibir fortes críticas e reconvencións que arredaban ante os seus escasos argumentos defensivos... De súpeto ouviuse un ladrido, os presentes fican sorprendidos e do medo xorde unha exclamación: A raposa do Morrazo! Algúns valentes saen da vivenda e ao pouco tornan dicindo que a raposa irá cara a vila, onde tiña repetido o seu segundo queixume, ouvíndose de contado o terceiro, xa como a medio quilómetro de distancia. Entanto, as chamas do lume venceron todo obstáculo e tomaban a manifestarse fachendosas e potentes. A calor fixo retomar un tanto a animación xeral e cada un contou varios feitos e anécdotas á conto da Raposa do Morrazo cuxo nome se repetía con temor, veneración e respeito cada vez que se mentaba. Non imos contar todo canto se falou alí, mais entre todo o dito, comentouse que nas noites escuras, nesta época que referirnos, adóitase escoitar algunhas veces moi de perto, un ladrido semellante ao que daba unha raposa agachada entre o mato... mais coa particularidade de que este animal cando o fai, despide pola boca unha labarada de lume. Como estas cazatas adoitan facelas os máis desteruídos, somente por ter o gosto de contar unha fazaña máis, descargan sobre o mato un golpe de bisarma, especie de partesana, e a zorra foxe. Mais... Cal e como de grande será o abraio do que se atopa en semellante situación, ao observar que no mesmo instante repite o seu lastimeiro ai!, trousando o mesmo lume á distancia de máis de medio quilómetro e xa de seguido e sen interrupción repéteo moito máis lonxe no extremo oposto?
É preciso ser moi despreocupado e desteruído para non decatarse de que tan extraordinario fenómeno está en contradición coas leis da natureza e por conseguinte, como sobrenatural, é milagroso. Non nos debemos de extrañar, pois, que nesta zona crean que «A Raposa do Morrazo» é unha alma que Deus non quixo mandar ao inferno por tal cal devoción ou obra boa que tivese feito e que isto lle permitise voltar ao mundo a cumprir a penitencia. Como durante a cea e a velada na casona seguise tan sobrenatural conversa, as criadas suplicaron a compaña dalguén ata a entrada dos seus cuartos de durmir, cheas de medo e pregándolle para si a Deus que tivese misericordia delas. Contodo, o espilido cazador, aínda que algo impresionado, propúxose durmir coma un cativo, mais ao pouco tempo deu coa explicación de tal sorprendente fenómeno: As raposas, nestas datas, andan encelo, e cedendo ao seu natural desexo, con ese forte laído danlle noticia ao macho dos sitios onde se atopan. Eles contestan axiña e as demáis femias da comarca tampouco calan. Deste xeito, non tendo a persoa no seu maxín máis que a idea dunha soa raposa, e crendo que se despraza a longas distancias en segundos, non é de extrañar que xurdise semellante lenda. A verdade é que a raposa móvese pouco neste tempo e anda como aparvada; porén, fuxe ao sentir o golpe da bisarma, movida polo instinto de conservación, mais non de todos pode sair ilesa. É así, como os cazadores que xa mataran algunhas, visen case palpablemente que continuaban os ouveos lonxanos, déronse de conta de que había moitos raposos e raposas na comarca que daban eses ladridos lastimeiros e que botaban lume (mellor dito, o un forte bafo polo contraste de temperaturas) pola boca polo estado de excitación no que se atopaban. Como aconteceu con outras crenzas nosas, a ciencia e principalmente a luz eléctrica, foron diminuindo a preocupación e o número dos que viñan acreditando en semellante fenómeno.
Os Trasnos
O Trasno. Hai moito tempo, cando non había máis coches que os de cabalos e os camiños se percorrían a pé, un home retomaba de celebrar a festa do Santiago na parroquia veciña de Ermelo, onde estivera convidado na casa duns coñecidos. Eran arredor das catro ou cinco da mañá e para facer o camiño máis curto deica a Ameixoada, viña atravesando as veigas e máis os montes. Cando se atopaba no medio do monte, observou unha luz moi forte e extrana, pois non semellaba a luz dunha fogueira, nin podía ser a dunha casa, xa que aquel lugar quedaba tan illado que nin siquera había casas. Entre incrédulo e medoñento, seguiu camiñando, mais ao chegar a unha veiga, viu como unha ovella pacía nun comareiro. Imaxinando xa larpeiro, todo o que podía facer se a levaba para casa, botouna ao lombo e seguiu camiño.Cando chegou á casa, deixouna no cortello pero cando foi buscala, sen saber como nin por que, a ovella xa non estaba. Ao tentar atopar unha explicadeira, todos acordaron en qué a ovella non era tal, senón un trasno mutado neste animal. O Trasno en Rodeira. Estando uns mariñeiros pola praia de Rodeira, largando as pezas desde unha traiñeira, viron como un animal semellante a un carneiro corría dun lado a outro pola praia. Sorprendidos por veren un animal deste tipo naquel lugar, bogaron con forza ata achegárense á beira. Cando chegaron alí, un deles baixou a terra e cun cabo que collera a bordo, logrou atrapar o carneiro. Mais, cando o tiña amarrado, o mariñeiro desapareceu de súpeto e todos os seus compañeiros baixaron da embarcación e empezaron a buscalo por todas partes da ribeira sen sacar ningún froito da súa busca. Contan que ao final, aquel home apareceu no monte do Liboreiro, mancado e ferido polos golpes que lle dera un trasno baixo a forma dun carneiro. Defuntos por Trasnos. Máis arriba de Xielas, na Laxe, hai unha casa que agora está en ruínas, onde vivía un matrimonio que se chamaban Xermán e Isabel. Semella que ao parecer oían moitos ruídos e incluso viron como o seu fillo recén nacido, durmindo no berce, se acunaba el só. Tamén se comentaba que despois de colocada a louza, esta caía ao chan sen se saber a causa. Semella que estes ruídos e cousas extrañas calmábanse durante uns días, despois de que os amos da casa facían unha misa de defuntos crendo que eran as animais dos que morreran naquela vivenda. Ao pouco, decataríanse de que quen adoitaba rebulir na casa non era máis que un trasno contra O que non eran efectivos os rezos...