⚠️ Web en pruebas, próximamente activa

Escolma da Cultura Inmaterial de Cangas

✍️ Por Xerardo Dasairas Valsa

Explora os Eixes Temáticos

Mergúllate no noso acervo inmaterial a través de catro grandes apartados organizados polo historiador Xerardo Dasairas Valsa.

Houbo un tempo en que como noutras partes do país, as historias, contos e lendas servían para amenizar os tempos mortos das longas noites sen luz eléctrica despois dos traballos do día. As historias adoitaban comentar acontecementos antigos ou recentes con base máis ou menos real e os contos narraban historias de personaxes ou feitos inventados con doses diferentes de humor, desazón, desgraza... Ainda que todos proviñan da tradición oral, eran as lendas as que gardaban maior antigüidade pois aínda que interpoladas por elementos relixiosos e históricos de distintas épocas, conservaban unhas raíces narrativas fantásticas e de carácter case mítico moi diversas. No que se refire ás lendas referentes ao ámbito do Concello de Cangas, cabe apuntar que na súa maioría foron recollidas por mestres dos centros de ensino que actuaban nos Equipos de Normalización Lingüística e logo foron publicadas algunhas delas en distintas revistas escolares. Contodo, semella que a recolleita xa se fixo demasiado tarde, evidenciándose unha ruptura xeracional no tocante á súa transmisión oral. Por isto, cando conseguimos reunir o corpus lendario que presentamos, atopámonos con que moitas delas presentaban un relato inconexo en varios aspectos o que nos obrigou a darlle, en base a experiencias anteriores, unha redacción máis fiable. Semella pois, que incluso na época na que se fixo a recolleita, o corpus lendario cangués xa se atopaba moi deteriorado e esquecido pero ao menos serviu para conservar uns referentes. Cabe dicir que algunhas das aportacións proveñen dos alumnos, e de aí o defecto relatorio, que na maioría dos casos requeriron da memoria de avós e pais pero que noutros recorreron a lendas doutras partes, copiadas de publicacións como a titulada Sabeliña e a señora da pena da perra, recollida en Trascastro no Incio de Lugo ou a chamada Lenda da Porta Cega do Hío que en realidade é a que recolleu Castelao co título de O Ferreiro de Castrelos (Vigo), publicadanarevistaNós en 1930.

Algunhas outras lendas desta recolleita, aínda que semellantes ás doutras partes, decidimos incluílas pois forman parte de interpretacións pertencentes a un acervo literario moi xeralizado en Galicia sobre estes temas. Neste sentido cabe dicir que destas mostras de cultura inmaterial emana unha identidade propia que, xunto coa lingua, son o que nos vén distinguir como colectivo social diferenciado. Hai un grupo de lendas referentes ao folclore arqueolóxico cuxa recolleita se debe ao Grupo de Arqueoloxía "Alfredo García Alén", a Pedro Díaz, a Buenaventura Aparicio, a Xurxo F emández, Suárez Mariño... e a outros arqueólogos e historiadores que traballaron na nosa zona. Para completar este traballo sobre a nosa cultura inmaterial decidimos incorporar tamén outros relatos procedentes dalgúns contos con base lendaria publicados por Castroviejo, as referencias que sobre rituais e prácticas medicinais nos legou V. Lis Quibén e outras recopilacións sobre estes e outros temas da nosa autoría que encaixaban nesta pretensión recopilatoria. Como remate desta escolma, arriscámonos a incluir unha parte referente a curiosidades locais, interpretacións léxicas, modismos curiosos... que se ben non exhaustiva, forman ao noso entender, parte da idiosincrasia das xentes e por tanto dunha forma de entender o mundo e a vida social dos que nos rodean. Estas expresións, asemade, tamén forman parte xunto coas creacións literarias populares e cultas, a música ou as artes plásticas do que se denomina cultura inmaterial, que pretendimos recoller en parte neste traballo e evitar así a súa perda.